Tuesday 14 de May de 2024

O BNG exixe actuar para afrontar os actos violentos que vive Ribeira


Os actos violentos acontecidos nas últimas semanas están xerando moita inseguridade entre a veciñanza. A falta de efectivos na policía local e da policía nacional é sobradamente coñecida, distando moito do que a normativa vixente estima como recomendable.

As directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe desa cifra, ao contar cun cadro de policías moi minguado. Relacionando a poboación de algo máis de 27.000 habitantes que ten Ribeira coa cifra antes mencionada de 1,8×1.000, danos que deberíamos contar con 49 axentes. Desde o BNG tamén fan referencia a que Ribeira é unha cidade de servizos e cuxa poboación flotante diaria é moi superior ao padrón municipal, ao que se lle suma o incremento en datas estivais por mor do turismo.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lamenta o acontecido e condena todos os actos violentos. Barral considera que “o labor que realiza a Policía Local é positivo mais este corpo de seguridade non conta cos axentes suficientes, polo que é imposible garantir a seguridade en todo o municipio”. O líder nacionalista ponse a disposición das institucións para colaborar apoiando as medidas que haxa que realizar para atallar as continuas denuncias por roubos, actos vandálicos ou violencia.

Coa finalidade de que se poidan coordinar de maneira efectiva os axentes das policías en Ribeira, desde o BNG solicitan que se convoque inmediatamente a Xunta de Seguridade Local para afrontar esta situación que Ribeira padece e se tomen medidas efectivas para garantir a seguranza da poboación.

Asemade, o Bloque tamén demanda que o concello, en coordinación coa Policía Nacional, aumente as patrullas e os percorridos que fai a Policía Local como medida de garantir unha maior presenza policial na rúa e contribúan a aumentar a seguridade polas noites.